Friday 03 de May de 2024

Aprobadas as alegacións do BNG ao Plan de Mobildidade Sostíbel de Ribeira


O BNG ribeirense valorou positivamente que se vaian incorporar as súas alegacións ao novo Plan de Mobilidade Urbana Sostíbel (PMUS) que puxo a exposición pública o Concello de Ribeira. Trala xuntanza da Mesa de peonalización realizada hoxe, coas alegacións presentadas a formación nacionalista asegura que se avanza no aumento de espazos públicos de calidade, accesíbeis, seguros, con usos plurais para uso e desfrute da veciñanza. Esta visión, segundo os nacionalistas, “implica unhas modificacións profundas na mobilidade e na conformación da trama urbana do centro de Ribeira pero tamén das súas parroquias”.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, detallou que as propostas presentadas centráronse na mellora da mobilidade priorizando o tránsito peonil, os medios de transporte públicos e os non contaminantes, garantir a accesibilidade universal e aumentar a seguranza viaria e os aparcadoiros. Ademais do anterior, Pérez Barral reitera a necesidade de rematar coa política de asfalto e cemento que promove o Partido Popular e aposta pola creación de novos espazos peonís, zonas verdes así como facer máis esforzos para mellorar a seguridade viaria e adaptar as vías para que respondan ás necesidades reais da forma máis segura posíbel.

Accesibilidade, transporte público, seguridade viaria e aparcadoiros

En materia de accesibilidade os nacionalistas pedían acabar cos problemas que existen por todo o municipio por mor dos anchos de beirarrúa insuficientes, cruzamentos sen adaptar, postes mal situados, bordos demasiado elevados, elementos de mobiliario que invaden o itinerario peonil, etc. Desde o BNG promoveuse a inclusión no PMUS de medidas que prioricen a plataforma única en todas as reformas que se fagan nas rúas e a creación dunha guía con criterios básicos que garantan a accesibilidade universal.

Con respecto ao transporte público velarase polo cumprimento dos horarios, habilitar o transbordo que evite o pago de dous billetes entre as persoas que viaxan entre parroquias, sinalizar as paradas e os horarios e promover a creación de tarifas reducidas para persoas desempregadas, xubiladas e con mobilidade reducida. No tocante a outros medios de transporte o BNG arrincou o compromiso para que Ribeira demande a elaboración de senllos estudos sobre a viabilidade de crear unha conexión ferroviaria así como un estudo de beneficios e custos de establecer unha conexión marítima entre as dúas bandas da ría de Arousa.

Por último incorporáronse medidas para mellorar a seguridade dos pasos de peóns máis transitados e o calmado de tráfico nas estradas con beirarrúas estreitas ou preto dos contornos escolares. A única alegación que o goberno local rexeitou foi recuperar a xestión directa do aparcadoiro do Centenario para reducir as súas tarifas e habilitar bonos de desconto.

Os concelleiros do BNG, Luís Pérez e Cruz Rivadulla, remarcaron que estarán vixiantes para que todas estas medidas vaian adiante e contribúan a mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza de Ribeira e das súas parroquias.